Friday 03 de May de 2024

Neda ultima o estudo técnico coas propostas de actuación para acabar coas riadas en Santa María e As Augas


O Concello de Neda ultima, segundo se avanzou hai unhas semanas, o estudo global dos ríos Belelle e Basteiro, que será o que determine a proposta municipal de intervención para evitar que os desbordamentos en As Augas e Santa María se repitan. Esta análise aproveitará parte dos datos do informe entregado por Augas de Galicia a mediados de xaneiro, estudando, a diferencia daquel, todas as alternativas apuntadas polos técnicos autonómicos na procura dunha solución definitiva e realista ao problema dos asolagamentos.

Sen desbotar ningunha das propostas recollidas no informe da Xunta, dende a administración local ponse o foco na influencia que tería a eliminación ou rebaixe dos azudes que hai nos dous cursos fluviais. Ademais apúntase a necesidade de modificar a ponte da estrada autonómica AC-115 que, con cinco metros de ancho, estrangula o paso do río por Santa María. E insístese en que, á vista das simulacións incluídas no propio informe autonómico, a ampliación da ponte municipal de Pename (14 metros de ancho), por si soa, non impediría que se repetira unha riada como a vivida o pasado 14 de novembro.
Augas de Galicia e Concello emprazáronse a manter un novo encontro no momento en que a enxeñería contratada polo goberno local entregue o estudo encargado con propostas de actuación concretas. Unhas medidas que, como sempre, serán postas en coñecemento dos veciños afectados e do conxunto da cidadanía.

O Concello de Neda confía en que a nova administración que saia das urnas este domingo- sexa da cor política que sexa- se comprometa publicamente a colaborar economicamente na execución das obras precisas. Algo que, polo de agora, non aconteceu. Con todo, aplaude a vontade de diálogo manifestada pola directora da entidade pública empresarial fronte á postura inicial do xerente de deixar en mans do Concello e dos veciños afectados as solucións ao problema das inundacións.

Finalmente, dende o Concello de Neda aclárase que se realizaron reunións cos veciños afectados nos momentos en que houbo medidas ou avances que comunicar. Foi o caso da reunión para trasladar os resultados do encontro mantido con Augas de Galicia ou a reunión para informar da liña de subvencións do Ministerio de Interior para paliar os danos das vivendas habituais e da posibilidade de beneficiarse das axudas de emerxencia municipais.